Choco (xiba)

 



O choco, tamén coñecido como sepia ou xiba, ten o corpo ancho, con expansións laterais en forma de aletas, e unha especie de triángulo sobre a cabeza. No seu interior ten unha cuncha longa e dura. Dotado de oito brazos e dous tentáculos, a súa cor varía dependendo do sustrato onde habite.

Captúrase durante todo o ano con diversas artes: nasa, trasmallo, miño, artes de arrastre como o boliche ou chinchorro, e tamén con poteira normal en pesca deportiva. Tamén está o método do femieiro que consiste que desde unha embarcación lévase a rastras polo auga unha femia e cando os machos acuden ao reclamo, son capturados clavándolles unha espulla. Trátase dunha especie de extraordinario interés comercial.

En Galicia tomamos os chocos na súa tinta con arroz. Pola súa carnosidade admite outras preparacións, como pode ser á prancha cunha leve salsa de aceite, allo e perixel. Se queremos optar polo máis tradicional, temos que probar a caldeirada, mesmo tamén á romana como as luras.

Comentarios